Dando unha volta polos diferentes rankings de blogs (tendo especial preferencia polos que se atopan ao final da cola, porque sempre atopas cousas moi específicas, e moitas veces interesantes), e din coa páxina oficial da Asociación de Persoal Investigador e Técnico Non Contratado de Galicia ou Precarios-Galicia. E eu, obviamente, pertencendo ao colectivo investigador, en concreto dos precarios, non podía pasar de largo.A verdade é que é lamentable que en España o investigador estea tan mal coidado. Despois da miña estancia en Inglaterra, onde estiven traballando con mozos e mozas de todolos países (algúns: Francia, Polonia, Arxel, Turquía, China, etc) e todos eles tiñan un contrato de traballo coa Universidade, ou cando menos unha beca. É moi desmotivador erguerte cada día para traballar 8 horas sen tan sequera estar remunerado. Non tes dereito a nada (seguridade social, paro, vacacións, prevención de riscos laborais,…) e que, no mellor dos casos, se suplen con bolsas (oficialmente, axudas ó estudo, pero moitas das cales gravan en Facenda como “rendementos do traballo”). Non me sorprende polo tanto que en España haxa unha seria fuxida de cerebros.
Eu formuleime algunha vez a posibilidade de irme fóra. Tiven a oportunidade de facer a miña tese en Francia (Lyon, onde fixen o meu Erasmus), e ao final rexeitina porque quería estar máis preto de casa, en España.
Eu agora xa non teño as cousas tan claras. O que sei é que o día que termine o doutorado non atoparei traballo en Galicia, e pode que nin tan sequera en España. Non me importa emigrar. Pero preferiría non ter que facelo.
Penso nos milleiros de millóns que deixan na Cidade da Cultura, e non podo sentir certa rabia e indignación. Malgastan todos eses cartos nun proxecto no que nin tan sequera eles mesmos cren, e que podería transformarse en axudas para os novos emprendedores, os que se aventuran nunha nova empresa, os que son estudantes e necesitan unha axuda para continuar, os que están en paro e non atopan traballo, ou os que somos investigadores e pedimos que se recoñeza o noso traballo na sociedade, e que cando menos, teñamos unha bolsa que nos permita subsistir polo tempo da nosa tese.
¿A miña fe na política? Creo que a deixei en casa...

0 Parrafadas:
Publicar un comentario en la entrada