A victoria pertence ao máis perseverante

Blogger Template by Blogcrowds.

Apocalipse

viernes 8 de febrero de 2008
("El Apocalipsis" de Cecilia Flaten)
Aquel día o amencer foi escuro. Un vento húmido e quente movía compasadamente as follas das árbores, cun forte cheiro sulfurado, lembrando ao hálito da morte. Os paxaros deixaran de piar, e os cans adoecían, retorcéndose. Os pasos da xente na rúa eran silenciados polo aire pesado, dunha consistencia case líquida. Semellaba un soño; máis ben, un pesadelo.

Unha nubes negras avanzaban no ceo, cubrindo cada anaco azul, cada raio de sol, detendo o tempo. Chegaba un son repetitivo, xusto e simétrico, pum pum, coma se fose un latexo, zumbando nos oídos. A súa procedencia semellaba afastada do noso mundo, máis aló do horizonte.

Ninguén falaba na rúa. Todos miraban cara arriba, temendo e fuxindo, de si mesmos, de todo. No campo os sachos non sachaban. O gando non pastaba. Os dóciles animais toleaban, bramando e muxindo; os animais salvaxes procuraban un agocho profundo e fresco.

De súpeto o vento deixou de soprar. A calor fíxose máis intensa, e o aire aínda máis viciado. Un primeiro refacho sacudiu con forza a cidade. Bateu contra os cristais, esmagándoos, reducíndoos a un lixeiro po brillante. O vento bruou por un intre e despois silencio. A madeira xemeu e retorceuse en imposibles formas.

O latexo deixou de escoitarse, e os oídos comezaron a zoar . A calor e o proído na pel anulaba calquera outro sentido. Os tecidos do corpo e das roupas mesturáronse nunha amalgama xelatinosa. A xente berraba. Todo era confusión e morte. Era peor que a fin do mundo. Era a fin da humanidade.